Monday, 2 October 2017

A plasticidade e perfomatividade do corpo nas artes contemporáneas.


A plasticidade e perfomatividade do corpo sexual nas artes contemporáneas. Obras de Sarah Lucas (SL) e Guillermo Gómez Peña (GGP).

O comisariado artístico de Londres programa no outono pasado dúas exposicións, con respostas críticas do feminismo, nas que participa a artista Sarah Lucas con Situación na Galería Whipechapel e con Tolo, malo e triste no Freud Museum. Mentres, na vella Europa, Liubliana convírtese nun lenzo feito de estarcidos nas paredes e performances nas rúas e nos teatros. A asociación Amanecer Vermello (Red Dawns)  acolle o festival A Cidade da Muller (City of woman), onde ten lugar a obra Corpo Insurreto de Guillermo Gómez-Peña.

Nesta escolma artística aparecen a fotografía, a danza, a dramaturxia, a video arte ou a escultura. Novos formatos escénicos onde o corpo continúa a ser a materia prima dos argumentos e as respostas críticas á sociedade.

Situación é unha cartografía do corpo sexual escenificada con obxectos como cadeiras, sofás ou somieres que teñen as pegadas e sombras do corpo humano. É coma se este seguira alí presente, mais na súa ausencia. Os obxectos ilumínanse enriba de plataformas, incrustados no mobiliario ou nas imaxes dixitais. O atrezzo do fogar sitúase dunha maneira non convencional que representa eufemismos obscenos, verdades contidas ou matices eróticos do corpo.

Tolo, malo e triste é o título do ensaio literario (2011) de Lisa Appignanesi que dá nome á exposición na que aparece de novo a figura artística de Sarah Lucas, no Museum Freud. A obra é unha instalación onde as esculturas adoptan novas posturas que escenifican a arqueoloxía emocional e a construción fundacional das identidades do xénero dende a historia da psicoanálise. Nesta obra fálase de como a muller é tratada pola medicina dende o século dezaoito ata a actualidade; en particular, polos doutores da mente. A plasticidade escultórica de Sarah Lucas é chamada a ofrecer unha visión autobiográfica da novela de Appignanesi, onde as asociacións emocionais da muller foron a melancolía, manía, obsesión,  posesión, histeria, desexo ou rebelión.

Pasaremos agora de percibir unha representación do corpo ausente cartografiado por Lucas, a unha de corpo presente interpretada pola tropa teatral La Pocha. Dunha imaxe estática pasamos a unha imaxe en movemento. Aínda que con diferenzas, inscríbese dunha similar maneira a plasticidade e performatividade do corpo sexual, ben calada nas expresións das esculturas ou ben falada nos corpos dos personaxes escénicos.

   O artista performativo e dramaturgo Guillermo Gómez Peña e artistas convidados ao festival Amencer vermello  céntranse nun contexto no que a audiencia e o artista participan de espazos públicos, debaten ou practican un exercicio ancestral de teatro en medio dunha rúa ou mesmo na Elektro Ljublana, o teatro que antes foi estación.

A práctica artística é afirmar e cuestionar as características políticas e performativas das persoas, a través da definición en diálogo cos asuntos presentes. Por exemplo, cando os artistas convocan nos textos teatrais a Lady Gaga ou Maria Abramovic, cando un corpo nú aparece decorado con logotipos das multinacionais ou mesmo un cactus ou unha trompa no lugar do pene, son alegorías ao devir da arte ou aos carteis mexicanos. Trabállase a arqueoloxía da significación do corpo político, nun collage de arte en vivo, que se enche de imaxes simbólicas en movemento.

  Na obra Corpo Insurreto os actores súbense a plintos e plasman un mural vivo e falante coa expresión sexual do corpo. As accións sucédense entre a música, a luz e o movemento. Os aspectos simbólicos, lingüísticos e materiais migran de significado nun espazo onde se representan as razóns políticas, as prácticas sociais ou os arquetipos culturais que se inspiran no ser humano e social. Estes exemplos abren espazos de expresión onde a ciencia, a creatividade, a tecnoloxía e a comunicación son unha constante na práctica ou activismo dos procesos de construción social do xénero.




No comments:

Post a Comment